GONZALO CABALLERO: “O MEU PROXECTO É A MELLOR GARANTÍA PARA VOLVER ACADAR MÁXIMOS HISTÓRICOS NAS MUNICIPAIS E NAS XERAIS DE 2023”

Reivindica un proxecto “na esquerda” e chama a impedir “a dereitización do PSdeG”

Gonzalo Caballero participou hoxe en dous encontros coa militancia socialista en Ribeira, na provincia da Coruña, e en Vilagarcía de Arousa, en Pontevedra.

Neses actos, Gonzalo Caballero reivindicou o seu proxecto por tratarse da “mellor garantía para volver acadar máximos históricos nas eleccións municipais e xerais de 2023”, como xa ocorreu en 2019.

De feito, con Gonzalo Caballero como secretario xeral, o PSdeG conseguiu o fito de vencer ao PP, algo que nunca ocorrera na historia da autonomía galega, ata en dúas ocasións.

Por iso, presentouse co “aval” do traballo ben feito en clave electoral e apelou a seguir avanzando na mesma liña para volver acadar “resultados históricos” en 2023.

Deste xeito, Gonzalo Caballero apostou por “seguir avanzando” e construíndo “un PSdeG forte” que estea asentado “na esquerda” cos valores “do galeguismo, o feminismo, o ecoloxismo e o compromiso ético” como sinais de identidade, impedindo así a “dereitización” do PSdeG.