Gonzalo Caballero presenta o seu balance de actividade para o 14 Congreso do PSdeG

“Foron catro anos de plena adicación e intensa actividade nos que logramos crecer en todas as eleccións”

Participou por toda Galicia en máis de 2.000 reunións e actos na súa etapa como secretario xeral, na que afrontou a chegada dunha pandemia que «o cambiou todo”

Gonzalo Caballero diante do monumento a Pablo Iglesias en Compostela.


“Foron catro anos de plena dedicación e intensa actividade nos que logramos que o apoio ao PSdeG crecera en todas as eleccións que houbo no meu período como secretario xeral” rachando «cunha década anterior de retrocesos electorais continuos dende 2009 ata 2019». É o resumo do informe de xestión que o secretario xeral saínte, Gonzalo Caballero, presentou para o 14 Congreso do PSdeG e que xa foi remitido á Comisión Organizadora do partido de acordo ás normas da organizació


Ese documento recolle ao longo de 45 páxinas un resumen da participación da dirección do PSdeG e, nomeadamente, do secretario xeral, Gonzalo Caballero, en máis de 2.000 reunións e actos por toda Galicia; e reflicte a suba electoral do PSdeG en todos os comicios entre 2017 e 2021: “rachamos a senda de caídas electorais que houbo dende 2009 e crecemos en nivel de apoio en todas as eleccións mentres Gonzalo Caballero foi secretario xeral».

En concreto, na primeira convocatoria electoral do mandato que finaliza, nas eleccións xerais de abril de 2019, o PSdeG gañou ao PP por primeira vez na historia en Galicia e experimentou unha subida de dez puntos sobre a cita anterior, pasando de seis a dez deputados e acadando un 32,28% dos votos dos galegos e das galegas. Na repetición destes comicios, en novembro de 2019, o PSdeG mantivo os 10 deputados e obtivo un 31,59% dos apoios.

No mes de maio dese mesmo ano, nas eleccións europeas, o PSdeG obtivo unha nova vitoria, a segunda vez na historia de Galicia, fronte ao PP de Feijóo, cun 35,05% dos votos e 15 puntos máis que nas anteriores europeas.


En paralelo, nas municipais de 2019, o PSdeG alcanzou a maior representación no poder municipal galego na nosa historia, sendo a suba do PSdeG de sete puntos sobre a cita anterior. Cun 32,76% dos votos dos galegos e das galegas (fronte ao 33,35% do PP), o 55% da poboación galega contou cun alcalde ou alcaldesa socialista: en cinco das sete grandes cidades e nun total de 113 concellos e vilas. Ademais, o PSdeG lidera tres das catro deputacións, cogoberna en moitos concellos e aumentou o número total de concelleir@s.


Un ano máis tarde, a chegada da pandemia obrigou a aprazar as eleccións autonómicas, convocadas para abril. En xullo de 2020, nunha campaña en situación de estado de alarma e emerxencia sanitaria, a suba do PSdeG foi do 17.8% das anteriores autonómicas ata o 19,39% dos votos, seguindo como terceira forza no parlamento galego con 14 deputados.


ACTIVIDADE A PÉ DE PAÍS: ENCONTROS, ACTOS, VISITAS

No que atinxe aos encontros coa sociedade civil, Gonzalo Caballero estivo cos comités de empresa de industrias ameazadas por peches, como Alcoa ou Xeal; cos reitores das universidades públicas galegas; con diferentes colectivos en dificultades (viticultores afectados polo pedrazo, zonas de incendios, negocios con restricións a causa da pandemia…); co persoal dos hospitais públicos galegos afectados polos recortes; con sindicatos de clase e cos sectores produtivos (encontros en adegas, lonxas, granxas…).


Asistiu ademais a múltiples manifestacións, como as do 1º de Maio, as do 8-M, as de defensa da sanidade pública galega ou a da reivindicación da nosa lingua cada 17 de Maio; e visitou numerosas entidades culturais e sociais (Down, Meniños, Fademga…), empresas (Barreras, Galaxia, Egatel, Navantia, Vaca Films, Nodosa, Xanceda, Orballo…), centros tecnolóxicos…

Así mesmo, o traballo do secretario xeral inclúe unha vintena de xuntanzas en Madrid con ministros para abordar os problemas de Galicia, viaxes institucionais a Bruxelas, Arxentina e Portugal (con xuntanzas cos mandatarios destas dúas repúblicas) e encontros cos presidentes de Asturias e Estremadura para abordar os retos e problemas comúns.


A maiores, o PSdeG constituíu o laboratorio de ideas IdeaGaliciaLab, no que se abordaron cuestións como o devalo demográfico, a supervivencia do rural, o apoio á cultura ou o mantemento dos servizos públicos.


ACTIVIDADE ORGÁNICA


Do mesmo xeito, neste tempo celebráronse 37 xuntanzas da executiva do PSdeG, 11 interparlamentarias para coordinar o traballo dos socialistas galegos nas distintas cámaras e outros 11 comités nacionais, que se convocaban trimestralmente ata a chegada da pandemia que “o cambiou todo”.


De feito, Gonzalo Caballero tivo que enfrontar a aparición da covid a piques de arrancar unha campaña electoral, o que mudou non só a data das eleccións por primeira vez en democracia, senón que alterou o xeito de traballar e de comparecer ante os medios de comunicación, e limitou a capacidade de manter encontros tanto coa sociedade como no seo do propio partido. De aí que, co progresivo levantamento das restricións, Gonzalo Caballero acudira ás casas do pobo das distintas cidades para comezar a reactivar a vida orgánica do PSdeG.

Ademais, no período 2017-2021, púxose a funcionar a Escola de Formación Ceferino Díaz, edítase trimestralmente a revista Socialismo Galego (10 números), publícase cada semana un boletín dixital sobre a actividade parlamentaria do PSdeG e hai 12 grupos de traballo constituídos nos que participan máis de 400 militantes socialistas.