Gonzalo Caballero insta á Xunta a afrontar a sexta onda da Covid con protocolos axeitados, coa defensa da sanide pública e co apoio ao sector da hostalería. 

O portavoz do Grupo Socialista advirte de que “non queremos estar en xaneiro tendo que aplicar medidas restritivas de enorme calado por non ter feito os deberes no Nadal”

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2021. | O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, reclamoulle hoxe á Xunta que prepare a chegada da sexta onda do coronavirus “con protocolos, coa defensa e aposta pola sanidade pública e co apoio ao sector da hostalería”. O responsable socialista sinalou que “non queremos estar no mes de xaneiro tendo que aplicar medidas restritivas de enorme calado por non ter feito os deberes no Nadal”.

O parlamentario socialista emprazou ao presidente da Xunta a evitar os erros da súa campaña de “salvar o Nadal” do ano pasado, que disparou a incidencia da covid en Galicia no mes de xaneiro, polo que ofreceu a “man tendida dos socialistas galegos” para tomar as medidas necesarias. Esixiulle ao mesmo tempo que “non baixe a garda” diante dos riscos pola chegada da sexta onda e que se preparem os protocolos axeitados.

Sinalou en primeiro lugar a decisión “desacertada” de Feijóo de “non terlle renovado os contratos a máis de 500 profesionais sanitarios de reforzo que xa non están no Sergas”, mentres o goberno galego se enreda nunha estratexia de “maquillar as cifras”.

Manifestación en Valdeorras

Gonzalo Caballero emprazou ao goberno galego a escoitar as demandas en defensa da sanidade pública dende tódolos sectores sociais, como a manifestación desta pasada fin de semana en Valdeorras. Criticou que o conselleiro de Sanidade dixera no Parlamento que as protestas contra a privatización e os recortes na sanidade por parte do goberno galego supuñan desprestixiar o sistema público.

Confirmou que os socialistas galegos apoiarán estas protestas e anima a defender a sanidade “en cada recuncho do país”, seguindo o exemplo de protestas que conseguiron frear o peche do Paridoiro no Hospital de Verín ou reverter o recorte de determinados servizos. Ademais reivindicou apoio ao sector da hostalería, o primeiro afectado polas novas restricións diante do incremento de casos e fronte á chegada dunha nova variante do virus.