Desexa “éxito e acertos” ao secretario xeral, David Regades, e aconsella “non pecharse no poder das institucións”: «democracia interna para a militancia, abrirse á vangarda social a carón da cidadanía e reafirmarse na esquerda»
Vigo, 11 de febreiro de 2022 | Gonzalo Caballero, asistiu hoxe á apertura do 4º Congreso Provincial do PSOE de Pontevedra.
Dende alí, Gonzalo Caballero desexou “éxito e acertos” a David Regades, o secretario xeral provincial, e chamou a fortalecer o partido en Pontevedra para seguir liderando o crecemento electoral socialista en Galicia, tal e como ocorreu na súa etapa á fronte do PSdeG.
De feito, lembrou que nos últimos catro anos o PSdeG subiu na provincia de Pontevedra 11 puntos nas xerais, 8 puntos nas municipais, 15 puntos nas europeas e 5 puntos nunhas autonómicas marcadas pola covid.
Así pois, como subliñou Gonzalo Caballero, hoxe hai “máis concelleiros, máis deputados, máis senadores e máis parlamentarios autonómicos socialistas nesta provincia”.
Todo isto, nun contexto marcado por tres coxunturas políticas a nivel do Estado, de Galicia e no eido local. Así, relacionou o avance electoral co regreso de Pedro Sánchez á secretaría xeral do PSOE, o que permitiu acadar de novo o goberno de España; cos resultados históricos nas municipais en Vigo da man do alcalde, Abel Caballero; e co proxecto galeguista, ecoloxista, feminista e de esquerdas do PSdeG, liderado por primeira vez por un socialista vigués.
«Como militante de Vigo, sempre estou a disposición de poñer o mellor de min mesmo para impulsar o partido socialista nesta provincia, e contribuirei onde me corresponda», asegurou Gonzalo Caballero.
SEGUIR LIDERANDO
Coa vista posta no futuro, coa nova etapa que se abre con este congreso provincial, Gonzalo Caballero aconsellou ao partido “non pecharse no poder das institucións”.
«Democracia interna para a militancia, abrirse á vangarda social a carón da cidadanía e reafirmarse na esquerda», receitou Gonzalo Caballero para que o PSdeG de Pontevedra siga liderando o crecemento electoral socialista en Galicia.